Saturday 27 de April de 2024

Máis de 1.500 persoas gozaron durante a fin de semana das actividades ofrecidas por Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22


Boa acollida aos concertos de Oh! Ayatollah e Alberto Montero, que se combinaron con sesións de DJ Rafa Morcego e Pop Voyage DJ

Propostas infantís, unha clase gratuíta de Zoa e novos concertos e DJs centrarán a programación desta semana

O festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 viviu unha intensa #fin# de semana chea de propostas culturais. Desde a organización mostran a súa satisfacción pola boa acollida rexistrada entre o venres e onte. “Estimamos que se achegaron máis de 1.500 persoas durante os tres días”, indican.

Os concertos foron as propostas que rexistraron unha maior afluencia. O venres tivo un marcado sabor compostelán, coa volta aos escenarios da banda Oh! Ayatollah. Nuno Pico, Anaís Fernández, Simón Cuba, Andrés Real e Xoel Xeada estiveron arroupados por numerosos asistentes que non se quixeron perder esta actuación. A música deste grupo complementouse con dúas sesións a cargo de Rafa Morcego DJ, un picadiscos moi coñecido tamén na capital galega, xa que traballou en distintos pubs da cidade.
Alberto Montero foi o gran protagonista da velada do sábado. O artista e a súa banda ofreceron un concerto intimista que rexistrou unha excelente acollida. Do mesmo xeito que na xornada anterior, tamén se ofreceron dúas sesións musicais a cargo, nesta ocasión, de DJ Pop Voyage.

Os ritmos cubanos de raíz reinaron na tarde do domingo. Habana Café Son regresou novamente a Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 con xéneros tan populares como o son, chachachá, bolero, guaracha ou danzón. A sorpresa entre os asistentes chegou coa exhibición de baile de Ray Isaac e Yary Fernández, do centro Un estilo diferente, de Santiago.

Tras ofrecer unha mostra do seu bo facer sobre o escenario, animaron ao público para sumarse a unha clase improvisada de salsa cubana. Peregrinos e visitantes aproveitaron a ocasión para aprender uns pasos básicos.

Novidades para esta semana
O festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 segue incorporando novas actividades. A principal novidade desta semana será a organización dunha Masterclass de Zoa, que terá lugar o xoves 26 ás 20.30 horas. Estará dirixida por catro monitores procedentes de Santiago, A Estrada, O Grove e Pontevedra.
A sesión, organizada pola escola Pasito de Baile, durará unha hora e media. Todas as persoas interesadas poderán participar nesta actividade, que non require inscrición previa.

A maiores, A Gramola Kids ofrecerá dúas propostas para nenos e nenas de entre 3 e 14 anos. A tarde de mañá centrarase nunha Gymkana fotográfica e auga, mentres que o xoves haberá un Roteiro de sendeirismo e ambiental.

O venres 27 de agosto ás 22.30 horas chegará a quenda do concerto de Moura. A consagrada banda galega ofrecerá un dos seus particulares aquelarres, envolvidos dunha néboa de psicodelia progresiva con raíz folk e mitoloxía galaica, empregando a lingua galega como voz ritual comunal que persegue o transo colectivo.

Antes e despois desta actuación -ás 21.30 e ás 23.40 horas, respectivamente-, ofreceranse sesións musicais de Rapariga DJ. A picadiscos foi a encargada de inaugurar o festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 o pasado 14 de xullo
Para asistir a ambas as propostas hai que realizar reserva de entrada a través da web www.gogozo.gal. Desde a organización, animan a veciñanza e visitantes a achegarse ao recinto para gozar desta velada musical con marcado carácter galego.

Toda a información actualizada poderase atopar en www.gogozo.gal e nos perfís en redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter). Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia.

Sobre Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22
Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 é un festival que pretende facer de Monte do Gozo o lugar onde gozar dunha alternativa de lecer estival. Sesións DJ, música en directo e actividades infantís centran a programación que se estenderá ata o 12 de setembro.
A posta en valor das bandas e artistas galegos e as novas promesas do panorama musical da comunidade é unha das grandes apostas deste festival. Todas as actividades serán de carácter gratuíto e pódense reservar a través da propia web do festival.